Tuesday 14 de May de 2024

Diana Piñeiro, candidata á alcaldía de Cambre polo Partido Popular, reclama solucións reais aos problemas de mobilidade no Temple


O eterno problema do tráfico e dos atascos na Costa da Tapia e na rotonda de Paragúas condenan a Temple e ao resto de Cambre a que a súa principal arteria de comunicación co resto da comarca permaneza nun continuo colapso, prexudicando a veciños e as empresas.

A isto súmase a aprobación da construción de 195 novas vivendas na zona do colexio Portofaro (SAU-RD1), que suporá a chegada de centos de novos veciños, cun empeoramento do problema de tráfico.

“Despois de 8 anos de goberno da Unión por Cambre e do Partido Socialista, non conseguiron levar adiante ningunha proposta para mellorar os problemas de tráfico no Temple, dedícanse a boicotear proxectos como a unión da vía ártabra coa AP-9, poñendo recursos contra o trazado recomendado polos técnicos que pasa pola Gándara, paralizando a obra e obrigando a repetir todo o proceso administrativo, o que supón anos de atraso neste proxecto e todo pola falta de colaboración do Concello de Cambre no proceso”, denuncia a candidato do Partido Popular.

Ante a incapacidade do goberno municipal, despois de anos de espera e queixas, ao final tiveron que ser os veciños os que acudiron ao rescate, cunha recollida de sinaturas para solicitar unha proposta realista dunha rotonda que conecte o polígono do Temple coa entrada da AP-9, aliviando un pouco o tráfico na zona máis crítica.

“Sen un Plan Xeral serio, torpedeando os proxectos de infraestruturas que palien esta situación e sen propostas reais do goberno municipal de Cambre, os veciños están condenados a vivir nun atasco continuo”, lamentan dende o PP.
“O estado da mobilidade é unha proba máis de que o actual goberno municipal non é capaz de garantir o bo desenvolvemento de Cambre”, sinala Piñeiro.